Na súa orixe Ferrol foi un porto pesqueiro, pero o seu desenvolvemento debeuse a Filipe V ao recoñecer o valor estratéxico da súa ría e construír o arsenal da Graña e os estaleiros. Ferrol pasou a controlar os intereses marítimos de España no Atlántico Norte, ameazados por Inglaterra.
Os enxeñeiros navais levantaron o barrio da Magdalena, caracterizado polo seu trazado xeométrico, propio da Ilustración, dando lugar a unha cidade que a finais do s.XVIII alcanzaría os 20.000 habitantes.
En 1800 tivo lugar o desembarco da frota británica na praia de Doniños, no que se coñece como a Batalla de Brión. O obxectivo era tomar Ferrol e destruír os estaleiros, pero as forzas locais responderon con celeridade provocando a retirada dos ingleses.
No s.XIX, o rei Fernando VII trasladou todas as unidades navais a Cádiz, deixando a Ferrol sen actividade militar nin industria. Anos despois, o Marqués de Molíns impulsou un plan de rearmamento naval que reactivou os estaleiros ferroláns. O 13 de outubro de 1858, un Real Decreto concedeu a Ferrol o título de cidade e Ferrol recibiu a primeira visita real na súa historia, a de Isabel II. Neste mesmo ano produciuse en Ferrol a botadura do primeiro barco a vapor de España, á que seguiría, xa en 1881, a do primeiro barco con casco de ferro.
Seguir lendo...
Nas décadas de 1910 e 1920, Ferrol modernízase: electrificación, traída de auga potable e rede de sumidoiros… Tamén mellora as súas comunicacións (ferrocarril, tranvía eléctrico, porto comercial) e consegue chegar aos 35.000 habitantes en 1930, pasando a ser a terceira cidade máis importante de Galicia.
Durante a Guerra Civil española, Ferrol desenvolveu un papel estratéxico como o máis importante centro de construción, reparacións e aprovisionamento de buques da España franquista. Tras a guerra, o favor do Estado explica a reactivación da industria naval en Ferrol, que chegou a empregar a 20.000 obreiros. En 1950 Ferrol alcanzaría os 77.000 habitantes.
Na actualidade, Ferrol continúa sufrindo os efectos da depresión económica dos anos 80, como consecuencia da crise do naval e unha menor presenza militar, máis os efectos da crise inmobiliaria recente. Aínda así, concluíronse as obras da AP-9, a autovía Ferrol-Vilalba, a estrada ao porto exterior e a obra do porto de Caneliñas. Existe un embrión de diversificación industrial, con investimentos de industrias do téxtil, eólicas, plásticos, químicas, siderurgias etc., sen esquecer novos camiños, como o sector do turismo. Ademais, Ferrol rexistra uns índices de delincuencia tradicionalmente baixísimos.