BARRIO DA MAGDALENA
A pesar do seu nome pode dicirse que é o centro de Ferrol, xa que aquí se sitúa o Concello, os principais comercios e unha gran cantidade de locais de hostalaría. Semipeonil, foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1983.
A Magdalena presenta seis rúas paralelas, cortadas por nove rúas transversais tamén paralelas, formando unha cuadrícula con dúas prazas cadradas nos extremos: Amboaxe e Praza de Armas. Desde o aire, o seu deseño racionalista, obra de enxeñeiros navais, lembra unha “tableta de chocolate”. A súa orixe remóntase ao s. XVIII, cando Carlos III aprobou a súa construción polo rápido crecemento da poboación en Ferrol debido ao Arsenal militar e ao estaleiro real.
As vivendas estaban destinadas á burguesía ferrolá. Son casas de dúas ou tres alturas, con amplos miradoiros, balcóns e galerías acristaladas de madeira lacada en cor branca, inspiradas nas que cubrían a popa dos barcos. Desde Ferrol estas galerías estendéronse ao resto de Galicia.
A principios do s. XX, o arquitecto Rodolfo Ucha incorpora ao barrio numerosas edificacións modernistas. Ver Ruta do Modernismo
Nestas rúas atopamos algúns dos monumentos máis emblemáticos de Ferrol, como o Teatro Jofre, a Concatedral de San Xiao, o edificio da Peixería, o Mercado da Magdalena, o Concello ou a Sede Afundación.