SOBRE NÓS
A Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol S.A. é unha entidade mercantil, de capital maioritariamente público, constituída polo Concello de Ferrol, a Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarca e a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol, actualmente en vías de disolución e xestionada por un administrador independente.
A empresa réxese polas disposicións legais vixentes e as disposicións particulares recollidas nos Estatutos Sociais, aprobados polo Pleno do Concello de Ferrol.
A empresa de turismo ten por obxecto a promoción, desenvolvemento e potenciación das actividades económicas e sociais que contribúan directa ou indirectamente a impulsar o desenvolvemento do turismo no ámbito territorial do municipio de Ferrol, así como a atención das oficinas municipais de información turística. Así mesmo, é a entidade xestora no destino do proxecto de calidade turística SICTED.
Para o cumprimento do seu obxecto social, a Sociedade levará a cabo, entre outras, as seguintes actuacións:
- A promoción e explotación dos recursos turísticos do municipio de Ferrol.
- A planificación e desenvolvemento do sector turístico en canto á mellora da estrutura produtiva e dos recursos humanos relacionados coa actividade turística.
- O desenvolvemento, creación e comercialización de produtos e servizos turísticos, así como a organización de eventos de diversa índole (culturais, deportivos etc.) xeradores de atracción turística directa ou indirecta no ámbito municipal.
- O desenvolvemento e xestión de campañas de información, comunicación, imaxe e promoción turística do municipio.
- A realización de estudos, plans de turismo e programas de actuación que contribúan a un mellor coñecemento do mercado turístico e á execución de accións específicas para a potenciación dos distintos segmentos turísticos (reunións, cultural e urbano, vacacional etc.)
- A colaboración e cooperación con todo tipo de axentes e institucións, privadas ou públicas, e de distinto ámbito territorial, que favorezan o desenvolvemento turístico do municipio (redes de cidades, plans concertados etc.)
- A explotación comercial de publicacións, folletos, imaxe corporativa, símbolos e anagramas, titularidade do Concello de Ferrol, así como aqueloutros que se poidan elaborar ou producir pola propia Sociedade.
Estas actuacións poderán levar a cabo, non só no municipio, senón en todo o territorio español e mesmo no estranxeiro.