Ferrol é terra de bo comer e beber, de materias primas de gran calidade e deliciosa comida. Aquí atoparás algúns dos produtos gastronómicos que lle dan fama a Galicia.
Entre os produtos do mar sobresaen os berberechos e as ameixas da ría de Ferrol, especialmente a ameixa das Pías, de gran valor culinario. Indiscutible tamén o especial sabor das nosas centolas, nécoras, bois, zamburiñas, vieiras etc., xunto cos percebes da área de Ferrolterra.
En canto a carne destaca a tenreira da Capelada, de gando criado en semiliberdade nas proximidades de Ferrol, na Serra da Capelada e alimentado a base de pasto e leite, sen ningún tipo de hormonas ou penso.
As verduras da zona non quedan atrás en canto a calidade: o grelo de Cerdido, municipio da área de Ferrol, conta con recoñecida sona e unha feira gastronómica propia en marzo e os pementos do Couto (semellantes aos de Padrón, pero nunca pican) son imprescindibles en calquera tapeo.
Ferrol conta con dous doces típicos: o arroz con leite e a torta de Ferrol (dispoñible por encargo nas principais pastelarías), denominada Castiñeira, debido a que o seu ingrediente principal é a castaña. O arroz con leite ten merecida sona polo seu exquisito sabor, a súa cremosidade e a fina capa de azucre caramelizada que lle dan ese toque especial que o caracteriza. O 7 de xaneiro, día de San Xiao, ten lugar unha degustación popular.
O consumidor ferrolán de viño atópase entre os máis esixentes das cidades españolas. Aquí existe gran tradición de “ir de viños” e unha cultura do viño. Ademais dos viños galegos do cinco denominacións, son moi populares o Rioxa e o Ribeira do Douro.
Como en toda España, as cervexas artesanais están a cobrar forza en Ferrol. Así, as tendas O Rápido, A Espuma e algúns locais de hostalaría comercializan a cervexa “A Ferrolá”, elaborada integramente en Ferrol de forma artesanal con tres maltas e tres lúpulos.
En Ferrol o visitante atopa desde mesóns tradicionais, asadores e taperías a restaurantes de nova cociña e algúns de cociña internacional, todos eles compoñen unha oferta para todos os padais.