COMPÁRTEO

Visita guiada ao Barrio da Magdalena con cata de viños

Todos os domingos do verán ás 11.00 h ata o 30 de setembro. Duración de 2 horas e media / 3 horas.

A visita parte do porto e descóbrenos os lugares máis máxicos da cidade naval, cos seus barrios históricos como o de Ferrol Lanuxe, onde observaremos o seu trazado medieval, que contrasta coa maxestosidade racionalista do Barrio da Magdalena e o Arsenal militar, e coñeceremos a súa historia e importancia, e cos marabillosos edificios modernistas do arquitecto Rodolfo Ucha.

Inclúe cata final de tres viños denominación Viños da Terra e degustación gastronómica con produtos da zona.

Prezo: 20€/persoa (mínimo 5 persoas, máximo 20).

Organiza Secret Galicia. Tel: 661275545

BARRIO DA MAGDALENA

A pesar do seu nome pode dicirse que é o centro de Ferrol, xa que aquí se sitúa o Concello, os principais comercios e unha gran cantidade de locais de hostalaría. Semipeonil, foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1983.

A Magdalena presenta seis rúas paralelas, cortadas por nove rúas transversais tamén paralelas, formando unha cuadrícula con dúas prazas cadradas nos extremos: Amboaxe e Praza de Armas. Desde o aire, o seu deseño racionalista, obra de enxeñeiros navais, lembra unha “tableta de chocolate”. A súa orixe remóntase ao s. XVIII, cando Carlos III aprobou a súa construción polo rápido crecemento da poboación en Ferrol debido ao Arsenal militar e ao estaleiro real.

As vivendas estaban destinadas á burguesía ferrolá. Son casas de dúas ou tres alturas, con amplos miradoiros, balcóns e galerías acristaladas de madeira lacada en cor branca, inspiradas nas que cubrían a popa dos barcos. Desde Ferrol estas galerías estendéronse ao resto de Galicia.

A principios do s. XX, o arquitecto Rodolfo Ucha incorpora ao barrio numerosas edificacións modernistas. Ver Ruta do Modernismo

Nestas rúas atopamos algúns dos monumentos máis emblemáticos de Ferrol, como o Teatro Jofre, a Concatedral de San Xiao, o edificio da Peixería, o Mercado da Magdalena, o Concello ou a Sede Afundación.

COMPÁRTEO

This post is also available in: English Spanish

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies