ERMIDA DE CHAMORRO
Situada no monte de Chamorro, desde o que se contempla un fermoso panorama do val de Serantes, a cidade e a ría de Ferrol.
Hai distintas versións da orixe do nome de Chamorro, pero a máis popular e fantástica é a de que un pescador en perigo gritou en galego “xa morro”, sendo auxiliado pola Virxe. A ermida tamén se coñece como ermida da Virxe da nosa Señora do Nordés, polo vento propicio desa dirección, Patroa dos Mares e Vales de Ferrol que goza de gran devoción na comarca.
O templo actual é de fins do século XV ou comezos do XVI e a efixie de madeira da Virxe, sedente, frontal e de formas estáticas, é das chamadas imaxes de vestir. Como outros lugares Chamorro ten unha lenda de aparición da Virxe a dous irmáns que pastoreaban unhas cabras no monte.
O día grande da nosa Señora do Nordés, o Luns de Pascua, despois da misa principal celébrase unha procesión que preside a imaxe da Virxe de Chamorro. A romaría celebrada desde primeiras horas congrega por centos de persoas.