CENTRO INTERPRETATIVO CABO PRIORIÑO
É unha visita moi recomendable tanto polas vistas estupendas do seu emprazamento, no Cabo Prioriño, na entrada da ría de Ferrol, como polo contido do Centro, que informa ao visitante da orixe e evolución das baterías defensivas da ría e tamén dunha gran obra construtiva dos nosos días, como é o porto exterior.
Na contorna atópanse o Faro Prioriño e un observatorio ornitolóxico, punto de observación de aves migratorias.
As Baterías de Punta Viñas e de Prioriño Mozo, ambas as do s. XVIII, foron rehabilitadas e postas en valor. A primeira consta dun pequeno cuartel, a polvoreira e a estancia denominada “bala vermella”, o lugar onde se quentaban as balas antes de ser disparadas.